Saturday 27 de April de 2024

A alcaldesa presidiu unha xuntanza con responsables de Correos para abordar os problemas denunciados polo persoal do servizo na cidade


A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu hoxe unha reunión con Silvia Villar e José Luis Varela, xefa de sector e xefe de dimensionado respectivamente da empresa Correos, na que participaron tamén os voceiros de Terra Galega, Román Romero; PP, Germán Castrillón e BNG, Olaia Ledo. Ferreiro, que solicitou a xuntanza tras recibir a comezos deste mes a representantes do persoal de Correos en Narón, trasladoulles os problemas sobre os que informou o plantel, sobre a falta de persoal, o incremento do traballo e o retraso nas entregas.

Os responsables de Correos manifestaron que se está levando a cabo unha reorganización do servizo e indicaron que non se incrementou a carga de traballo ao baixar nos últimos anos os envíos de comunicacións por carta.

Trala reunión, Ferreiro valorou positivamente a celeridade na que se concertou esta reunión que se comprometera a solicitar e manifestou o seu desexo de que ambas partes poidan abordar conxuntamente a situación que atravesa a empresa na cidade. A rexedora local incidiu na importancia de que as veciñas e veciños dispoñan dun servizo nas condicións óptimas e que o persoal poida desenvolver o seu traballo tamén nas mellores condicións.